Thursday 18 de April de 2024

Os quince alumnos do obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil de Muros e Carnota recibiron os seus diplomas de fin de curso


O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participou no acto co que remata o ciclo, dedicado á limpeza en espazos abertos e atención sociosanitaria a domicilio
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou na clausura do obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil Naraio Xuvenil, no que quince alumnos-traballadores recibiron formación teórica e práctica nas especialidades de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e atención sociosanitaria a persoas a domicilio. A iniciativa contaba cun investimento de máis de 140.000 euros e completa a súa función, logo de seis meses de traballo, a finais deste mes.

O obradoiro, que comezou no pasado mes 29 de setembro, formou a cinco alumnos-traballadores na súa modalidade de limpeza e instalacións e outros dez na atención de persoas. Enmárcase no compromiso do Goberno galego por facilitar a incorporación ao mercado laboral, con especial atención á mocidade, xa que este é un dos oito obradoiros promovido desde o Fondo de Garantía Xuvenil.

O acto, celebrado na antiga fábrica de conservas e salgadura Sel, contou tamén coa presenza da alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, e da concelleira de Carnota María Belén Campos. A provincia da Coruña acolle durante o presente curso un total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participan alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas estanse a investir en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia.

Estes obradoiros permiten que un total de 440 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas de 59 municipios. Os participantes reciben ao remate un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil realízanse, ademais de Muros e Carnota, en Ames compartido con Brión; Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros compartido con Carnota; Oleiros; A Coruña; e Boiro.
Pola súa banda, os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas e por primeira vez con nove meses de duración, estanse a impartir en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.

Impulso ao emprego estable
Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral. Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros centos de persoas obterán un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos directores, ao persoal docente e administrativo.

Ovidio Rodeiro admitiu que este tipo de actos “supoñen unha especial satisfacción para a Xunta, sempre comprometida na busca de oportunidades para a xuventude”. “Tendes agora a oportunidade de demostrar que soubestes aproveitar esta oportunidade”, sinalou, antes de pedirlles aos 12 alumnos-traballadores que non se desanimen “na profesión de buscar un emprego”. Rematou agradecendo ao persoal docente “o esforzo por trata de transmitir, xa non so os coñecementos, como o espírito de loita e emprendemento que vai a levar a estes rapaces a encarrilar o seu futuro profesional”.